Tal día coma hoxe, hai catrocentos un anos, morría Miguel
de Cervantes Saavedra, un 23 de abril de 1616. Soamente un ano antes, viu
publicada a segunda parte do Quijote, que adicou a D. Pedro Fernández de
Castro, VII Conde de Lemos e Virrei de Nápoles, recoñecido mecenas dalgúns dos
ilustres artistas e escritores do Século de Ouro. Os condes de Lemos sempre
estiveron moi ligados a historia do Pazo. Abunda a documentación no arquivo que
fai referencia a eles. Os propios Leonor Sarmiento de Sotomayor e Francisco de Quiroga Taboada y Álvarez de
Castro, Señores de Tor, acompañaron ao conde a Napoles cando este foi nomeado
Virrey. Desa viaxe hai diferentes testemuñas no Pazo a modo de pezas traídas
dende Italia.
Nunha biblioteca coma a do Pazo non podían faltar obras de
Cervantes, e moito menos algunha do Quijote. Temos a honra de contar con dúas
edicións diferentes desta obra cumio da literatura universal. Por un lado,
temos unha editada en varios volumes en 1797, correxida e aumentada por D. Juan
Antonio Pellicer, "bibliotecario de S.M. y académico de número de la Real
Academia de la Historia".
Pero tamén contamos con outra edición realizada
nos talleres de Joaquin Ibarra no ano 1780, impulsada pola Real Academia. Unha
obra excepcional que contou coa participaron dos mellores ilustradores da
época, quedando fóra artistas da talla de Goya. Todos eles eran membros da Real
Academia de Belas Artes de San Fernando, e a tinta, o papel e incluso a
tipografía creáronse a propósito e ao máis completo detalle para esta edición.
Hoxe
parécenos un bo día para traervos estas dúas pezas admirables, que forman parte
da nosa colección grazas a Dna. María Paz Taboada de Zúñiga, e que podemos disfrutar
todos os que pasemos algún día polo pazo, xa que son dúas das obras que se poden
ver no despacho durante a visita ó noso museo.
FELIZ DÍA DO LIBRO A TODXS!
No hay comentarios:
Publicar un comentario