PEZAS DO PAZO DE TOR: O CARTEL DA FRONTE POPULAR

Unha parte esencial dos museos son as súas coleccións e por iso consideramos que é importante ir presentándovos as pezas que forman parte da nosa, para que nos vaiades coñecendo mellor e tamén para que saibades de primeira man o traballo que se desenvolve no día a día dun museo coma o noso. Periodicamente irémosvos amosando os tesouros da nosa colección, en detalle e pormenorizadamente. Agardamos que vos guste!.

Comezaremos cun cartaz do Frente Popular para as eleccións do 16 de febreiro de 1936. Velaquí os seus datos técnicos:

OBXETO: Cartel Fronte Popular 16 febreiro 1936
DATACIÓN: 1936.
TÉCNICA: Serigrafía sobre papel.
MEDIDAS:  
- Soporte: 99 x 69,5 cm.
- Motivo: 93 x 63,5 cm.

No ano 1936, nun contexto político marcado pola crispación e cunha sociedade tremendamente polarizada, os mecanismos de propaganda política, en tódalas súas formas, coma no caso dos carteis, eran imprescindibles para que as forzas políticas fixeran chegar as súas mensaxes á poboación.
Este cartel é un documento promovido pola coalición de forzas de esquerdas que se integraron na Fronte Popular, para conmemorar a súa vitoria nas eleccións do 16 de febreiro de 1936. 
O documento contén a imaxe de tódolos candidatos electos a Cortes pola Fronte Popular, agrupados nas diferentes circunscricións electorais polas que foron elixidos. No mesmo centro, en maior tamaño, figuran os líderes das principais forzas da coalición, Manuel Azaña, Largo Caballero e Martínez Barrio.
O cadro está presidido por unha figura alegórica da Segunda República, unha figura feminina, que representaba a liberdade, portando o escudo oficial e a bandeira tricolor da República. Flanqueando esta icona aparecen destacados en ámbalas esquinas os capitáns Fermín Galán Rodríguez e Ángel García Hernández, que lideraron a sublevación de Jaca contra a monarquía de Alfonso XIII e a “Dictablanda” do Xeneral Belenguer, o 12 de decembro de 1930.
Nas esquinas inferiores aparecen representadas as forzas de esquerdas que integraron a Fronte Popular, representadas por cadansúa bandeira: Esquerda Republicana (ER), de Manuel Azaña;  Unión Republicana (UR), de Diego Martínez Barrio; PSOE,  UGT, Federación Nacional de Xuventudes Socialistas, PCE, Partido Sindicalista (PS), o Partido Obreiro de Unificación Marxista (POUM) e a CNT, que aínda que non firmaron o pacto, mantiveron unha postura de “non agresión”.
Na parte inferior do documento aparecen Sirval e o Sarxento Vázquez, os líderes da Revolución de Outubro do 34 en Asturias, así como o libre pensador Francisco Ferrer Guardia, condenado a morte tralos sucesos da Semana Tráxica de Barcelona, en xullo de 1909.

Ámbolos laterais do documento están enmarcados por figuras prominentes do pensamento de esquerdas, como Karl Marx, Lenin, Pi y Margall, Pablo Iglesias, Francesc  Macià e Nicolás Salmerón, acompañados dos principios básicos do programa da Fronte, como a amnistía para os represaliados na revolución do 34, as escolas laicas e as autonomías rexionais. 
Este documento foi recentemente restaurado. Fíxose unha intervención de carácter conservativo para garantir a súa estabilidade, utilizando en todo momento materiais neutros. Todas as operacións que se levaron a cabo encamiñáronse á conservación dos materiais orixinais e da información que conteñen. Só se incorporaron materiais novos onde os criterios de conservación así o aconsellaban.