PEZAS DO PAZO DE TOR: CHOCOLATEANDO...

PEZAS DO PAZO DE TOR: CHOCOLATEANDO...

Silvia Fiallega Lorenzo.

Nesta nova entrada propoñémosvos un saboroso tema que nos vai servir para ensinarvos dúas novas pezas da nosa colección. Durante as nosas visitas tratamos de que os nosos visitantes vexan a historia a través dos ollos dun fidalgo e que por un tempo sintan na súa propia pel como sería a súa vida nunha casa coma a nosa. O padal é unha arma poderosa para a imaxinación. Vendo a vaixela de Sargadelos na mesa principal agardando polos comensais, máis de un imaxinou un menú de alto copete. As sobremesas eran un colofón importante ás longas e opíparas comidas que aí se servían.

O consumo alimenticio era unha forma de distinción social, as despensas fidalgas estaban ben abastecidas, namentres que a maioría da poboación sufría de desnutrición por unha mala alimentación. Un dos alimentos unicamente accesible para os padales dos poderosos era o chocolate. No pazo contamos cun muíño de man para moer o cacao e tamén temos unha chocolateira. O cacao traíase en froito, sen procesar, polo que había que tostalo e despois pasalo polo muíño e peneiralo para separar o po de cacao da cáscara da semente.






Para preparar o chocolate empregaban a chocolateira, feita en cobre cun mango e unha tapa con burato pola que se metía un batedor de madeira para ir removendo a mestura e deste xeito evitar que se pegara ou se queimara.



Investigando na nosa biblioteca, atopamos moitas referencias ó chocolate. Nun dos receitarios sinlábanse algunhas das propiedades que daquela se pensaba que tiña tan prezado manxar: era bo "para confortar el estómago, y el pecho; mantiene, y restablece el calor natural; alimenta; disipa, y destruye los humores más malignos; fortifican y sustenta la voz". Segundo este texto, a mellor forma de consumilo era con azúcar, canela e cacao, disolto en auga. Para facelo máis delicioso, aconsellaban engadirlle unha gotiñas de auga de azahar ou vainilla, aínda que esta última debería evitarse "como cosa dañosa, a causa de ser la Baynilla de partes sumamente cálidas, y no sirve de otra cosa, que de introducir en en el cuerpo ardientes inflamaciones". Pero atención, non todo era proveito, tamén advirte que o consumo en exceso pode causar "opilación" ou, o que é o mesmo, algún tipo de obstrución.




O consumo do chocolate arraigou de seguida entre os galegos, introducíndose nas casas labregas nos séculos XIX e XX, onde se tomaba de cando en cando, para o almorzo ou a merenda. De aí a existencia de chocolateiras nas formas cerámicas artesanais e a súa presenza en moitas casas do rural galego. O chocolate consumido polas clases populares non era tan puro como o consumido pola fidalguía e demais clases poderosas, era frecuente que se mesturara con flor de fariña de trigo, fariña de fabas, de garavanzos, etc., para lograr máis consistencia. Ademais tomábase con menos frecuencia e botándolle menos cantidade de cacao. Tampouco estaba ó alcance de moitos facer o chocolate con leite, nas casas labregas facíase con auga e se había sorte, aínda se terzaba con algo de leite. Unha última curiosidade, en tempos existía o oficio itinerante do chocolateiro, que ía polas casas acomodadas preparando a deliciosa beberaxe.
O cacao tamén serviu de ingrediente principal de moitas sobremesas, algunhas delas poderíamos consideralas ata certo punto exóticas: biscoitos, "pastillas" de chocolate, mazapáns, xeado (feito con neve!), en licor, en crema e ata en espuma! Detédevos un chisco a ler as receitas, non o lamentaredes.

Bo proveito!