PEZAS DO PAZO DE TOR: OBRAS COMPLETAS DO CURA DE FRUÍME

Diego Antonio Cernadas e Castro (1702-1777), ou Zernadas como a el lle
gustaba escribilo, máis coñecido como "O Cura de Fruíme", pequena parroquia do
concello de Lousame na Serra de Noia. O noso protagonista nace en Santiago
de Compostela en 1702, fillo de Antonio Cernadas, escribán real, e de María
de Castro. Estudiou latín cos Xesuítas e graduouse como bachiller en
Teoloxía na Universidade de Santiago no ano 1729.

No ano 1730, aos 28 anos de idade, toma posesión do curato de Fruíme. A súa
presencia nesta pequena parroquia tivo un gran impacto entre os menos de 500
habitantes da zona. E non soamente pola súa labor eclesiástica, senón tamén
nas costumes agrarias e culturais dos seus fregueses.

Entre outras cousas  ensinaba a ler á moita xente diante da igrexa,
acostumaba a lerlles versos e a organizar encontros teatrais nos que
participaban os parroquiáns. Na labor agrícola introduciu o millo na zona e
amosoulles o modo de cultivalo, moelo e facer pan. 

Aínda hoxe, a súa figura segue a estar moi presente na memoria colectiva de
Lousame, onde por iniciativa popular e coa axuda da Asociación San Martín de
Fruíme, pedíase axuda ao Consello de Cultura Galega en 1993 para levantar un
busto do párroco diante da igrexa onde repousan os seus restos. Un obxectivo
acadado anos máis tarde grazas ao empeño dos seus veciños.

Pero se algo queremos destacar hoxe do Cura de Fruíme é, dende logo, a súa
faceta literaria e a súa férrea defensa de Galicia e do galego. Podémolo
considerar como o autor en lingua galega máis prolífico do século XVIII. Os
seus textos, de toda índole, expresaban a súa defensa de Galicia e
denunciaba as inxusticias contra ela cometidas.

Tradicionalmente, díxose que a publicación das súas obras é póstuma e
obedece ao empeño dos seus amigos recompilando todos os seus textos. Pero
actualmente diferentes autores, como o P. Atanasio López ou José María de
Bustamante, corroboraron que "Os Peritorios" comezou a publicalos na
Candeloria de 1745. 

Na biblioteca do Pazo temos a grandísima sorte de contar cunha primeira
edición das "Obras Completas en prosa y verso del cura de Fruíme" publicadas
entre os anos 1778 e 1781. Esta obra consta de 7 tomos impresos por Joachim
Ibarra, impresor de Cámara de S.M. Os cinco primeiros tomos que temos
están encadernados en pel e os dous últimos en pergameo, un detalle que os
fai, se cabe, máis especiais. 






Nesta obra podemos atopar textos en resposta a algún outro no que se
agravia a Galicia, como é o Numero VIII que reproducimos na foto.





Outros de exaltación de Galicia como o Número IV que vemos aquí abaixo.





Textos en galego, como esta Décima Gallega que escribe para Manuel de Arcos
que aínda que é galego estaba residindo en Madrid.





Tamén reproducimos aquí esta décima adicada a cidade de Lugo.