PEZAS DO PAZO DE TOR: RELOXO DE PAREDE DE CAIXA ALTA, FEITO POR WILLIAM DORREL (Londres, 1784-1810)

PEZAS DO PAZO DE TOR:
RELOXO DE PAREDE DE CAIXA ALTA,
FEITO POR WILLIAM DORREL (Londres, 1784-1810)

Silvia Fiallega Lorenzo

Vixilante do Pazo de Tor

Ó longo da historia, a medida do tempo non foi relevante máis alá do paso do día á noite. A partir dos ss. XIV e XV, as nacentes sociedades urbanas e mercantís requirían dun novo ordenamento do tempo e dos seus ritmos sociais. Os comportamentos individuais comezaron a organizarse a partir dunha concepción pública do tempo, marcada polos grandes reloxos instalados en campanarios e edificios civís. Coa invención do muelle real no 1450, os pesos son eliminados. Redúcese a maquinaria dos reloxos e prodúcese o seu tránsito do espazo público ó ámbito doméstico. Os primeiros reloxos portátiles, constituían sino de luxo e sofisticación, eran máis importantes polo seu refinamento estético que pola súa precisión horaria. A minaturización dos compoñentes dos reloxos a partir do 1500 deron paso ós reloxos portátiles.
Ter un reloxo era símbolo de poder e modernidade e ocupaban un lugar destacado nos grandes salóns dos pazos da época. Isto era máis importante ca súa precisión, de feito os primeiros reloxos soamente tiña a agulla da hora, o minuteiro non se introduciu ata finais do s. XVII, e aínda daquela, o marxe de erro podía ser de ata media hora.
A gran revolución tecnolóxica veu da man dun inventor holandés, Cristiaan Huygens (1629-1695). No 1657 inventou o péndulo como mecanismo de control do movemento dos reloxos, que ata ese momento unicamente dispoñían dun oscilador ou freo de inercia sen unha frecuencia fixa. No 1675 miniaturizou ese mecanismo e de aí xurdiu o volante con muelle en espiral, que se aplicou ós reloxos portátiles.
En todo caso, os avances tecnolóxicos definitivos neste ámbito veñen da man da navegación aínda no s. XVIII. Requiríase unha precisión horaria de segundos para o cálculo exacto da lonxitude para determinar a posición exacta do navío.
Estes avances supoñen unha idade de ouro para os grandes reloxos de parede ingleses. De feito, a peza que hoxe vos queremos presentar é un dos moitos reloxos deste tipo que hai repartidos polo noso pazo, neste caso, ubicado no salón de xogos.
Esta valiosa peza trátase dun reloxo de parede de caixa alta, feito por un dos reloxeiros ingleses máis recoñecidos do s. XVIII, William Dorrell, reloxeiro de seu desde 1784 a 1810. William Dorrell procedía dunha prestixiosa estirpe de reloxeiros, membros da Compañía de Reloxeiros  (“Clockmakers Company”). O primeiro foi seu avó, Francis Dorrel, aprendiz desde 1693 e profesional libre de 1702 a 1755; a saga continuou co seu fillo, tamén Francis Dorrell, aprendiz desde 1731 e liberado de 1755 a 1780. William Dorrell tivo o seu obradoiro en Londres, en Bridgewater Square, de onde saíu toda a súa produción.
Nas visitas, comentades con frecuencia a sorprendente altura que tiñan estes reloxos. Como xa explicamos con anterioridade, o reloxo era unha clara representación da sofisticación da familia, así que tiña que estar ben situado, para estar perfectamente visible aínda nun salón ateigado de xente. A diferenza daqueles primeiros reloxos de parede ou de sobremesa, profusamente adornados para completar o gusto decorativo da casa, os reloxos deste período tiñan un porte moito máis elegante, pensados máis para destacar pola súa precisión ca pola súa aparencia. O reloxo, ten unha caixa de madeira lacada pechada, está decorada ó gusto da época con motivos orientais ou chinerías en dourado. A “Chinoiserie” foi unha moda moi estendida en tódalas artes decorativas na Europa da segunda metade do XVIII e do XIX, como vimos tamén na nosa vaixela de Sargadelos (mediados do XIX).
Na esfera figura o nome do reloxeiro, William Dorrel, e o lugar de fabricación, Londres. Decorada con motivos vexetais, tamén reproduce o gusto do XVIII na grafía dos números, así os das horas estaban escritos en números romanos, namentres que os dos minutos e segundos son de escrita arábiga.
Como podedes ver as imaxes, as medidas responden ós parámetros descritos con anterioridade: 240 x 50 x 28 cm.
Pola súa planta é fácil imaxinarlle un pasado maxestuoso. “Tempus fugit” my friends.

FONTES CONSULTADAS:










PEZAS DO PAZO DE TOR: VAIXELA DE SARGADELOS (parte I)

PEZAS DO PAZO DE TOR: VAIXELA DE SARGADELOS (parte I)
Tar López – Vixilante/Guía. Pazo de Tor – Rede Museísitca Provincial de Lugo

O Museo Pazo de Tor – Rede Museísitca Provincial de Lugo alberga unha interesante mostra de de artes decorativas de diferentes procedencias, épocas e estilos. A gran destacada nas visitas nese eido é sen lugar a dúbidas a vaixela de Sargadelos de porcelana opaca da cal se conservan 167 pezas. Pertence ao 3º período da Real Fábrica de Sargadelos (1845-1862) é corresponde ao estilo inglés con motivos de chinoiserie moi demandado por aquel momento, está personalizada coas inicias J.M.V., con caligrafía inglesa que corresponden a José María Varela canónigo natural de Chantada (fabriquero da Catedral de Santiago)
Estas pezas son un reflexo da época, o século XIX, unha época de grandes cambios en todos os eidos, véxase a Revolución Industrial e (científica e técnica), o colonianismo, o romanticismo... e por suposto estes cambios pasaron a mesa. Serán os elementos que compoñen a xogo de loza que se adapten as necesidades de novos protocolos pasando do servizo “a la francesa”, ao servizo “a la rusa” que será costume en gran parte da Europa no XIX e no Reino de España en tempos de Isabel II. O cambio no protocolo a evolución-revolución culinaria e a maior hixiene, trae consigo un incremento de utensilios na mesa cunha distribución e colocación establecida a cal debía de ser aprendida (cun certo sentido común) nese cambio de servizo “a la rusa” resultará a carta pechada e a posibilidade de impresión do menú en tarxeta ou “minuta” e tamén se incorpora a etiqueta.
A vaixela de Sargadelos do Museo Pazo de Tor presenta varias pezas interesantes que dan mostra destes cambios, as máis chamativas e de innevitable mención nas visitas son as fontes “escorredeira”, a súa morfoloxía estaba pensada para separar líquidos das viandas por medio duns regos que van a dar a un “pozuelo” (hai referencias a esta fonte como fonte con pozuelo)
A fonte de consomé é un reflexo da presenza o prato de culler en todos os menús, éste igual que o parto fondo ou chan era individuais.
Os froiteros (louza calada) e “légumiers” estarán presentes nas mesas de etiqueta no XIX. Froita e verdura era recomendada por médicos e gastrónomos da época, aínda que coa advertencia da posbible indixestión.
O Pazo de Tor conserva o esceario destas longas veladas e de manxares esquisitos aínda hoxe recordados pola súa transmisión oral no tempo e que tamén se mantivo en pleno S. XX. Fabulosas cociñeiras do Pazo de Tor e o servizo no ir e vir pola escaleira da solaina do xardín, facían posible manter unha época e un xeito de vivir, xa alleo aos tempos que corrían.


BIBLIOGRAFÍA:

BURGUEÑO MARÍA, J. (2011). El Museo del Romanticismo enseña a comer al modo del S. XIX. 15 de marzo de 2017, de Revista de Arte - Logopress Sitio web: http://www.revistadearte.com
CRUZ, J. (Actas XVI Congreso AIH). LA DEFINICIÓN DE LOS MODELOS DE CONDUCTA BURGUESA EN LA ESPAÑA DEL SIGLO XIX . marzo 16 2017, de CENTRO VIRTUAL CERVANTES Sitio web: http://cvc.cervantes.es/
LAGO, E. & QUIROGA, M. (2003). A Louza de Sargadelos. Lugo: Servicios de Publicación. Deputación de Lugo.
QUINTANAR CABELLO, V. (outubro de 2013). Vajilla Principal del Comedor del Museo del Romanticismo Sala XI. Pieza del Mes, Mes de Octubre, Paginas 1 -31.
SARGADELOS. (2017). 1845-1862 Terceira Etapa. marzo 15, 2017, de Sargadelos Sitio web: http://www.sargadelos.com/gl/

Cazo

Fonte con "pocito" ou de escorredeira

Fonte de consomé

"Légumier"

Froiteiro



PEZAS DO PAZO DE TOR: O CARTEL DA FRONTE POPULAR

Unha parte esencial dos museos son as súas coleccións e por iso consideramos que é importante ir presentándovos as pezas que forman parte da nosa, para que nos vaiades coñecendo mellor e tamén para que saibades de primeira man o traballo que se desenvolve no día a día dun museo coma o noso. Periodicamente irémosvos amosando os tesouros da nosa colección, en detalle e pormenorizadamente. Agardamos que vos guste!.

Comezaremos cun cartaz do Frente Popular para as eleccións do 16 de febreiro de 1936. Velaquí os seus datos técnicos:

OBXETO: Cartel Fronte Popular 16 febreiro 1936
DATACIÓN: 1936.
TÉCNICA: Serigrafía sobre papel.
MEDIDAS:  
- Soporte: 99 x 69,5 cm.
- Motivo: 93 x 63,5 cm.

No ano 1936, nun contexto político marcado pola crispación e cunha sociedade tremendamente polarizada, os mecanismos de propaganda política, en tódalas súas formas, coma no caso dos carteis, eran imprescindibles para que as forzas políticas fixeran chegar as súas mensaxes á poboación.
Este cartel é un documento promovido pola coalición de forzas de esquerdas que se integraron na Fronte Popular, para conmemorar a súa vitoria nas eleccións do 16 de febreiro de 1936. 
O documento contén a imaxe de tódolos candidatos electos a Cortes pola Fronte Popular, agrupados nas diferentes circunscricións electorais polas que foron elixidos. No mesmo centro, en maior tamaño, figuran os líderes das principais forzas da coalición, Manuel Azaña, Largo Caballero e Martínez Barrio.
O cadro está presidido por unha figura alegórica da Segunda República, unha figura feminina, que representaba a liberdade, portando o escudo oficial e a bandeira tricolor da República. Flanqueando esta icona aparecen destacados en ámbalas esquinas os capitáns Fermín Galán Rodríguez e Ángel García Hernández, que lideraron a sublevación de Jaca contra a monarquía de Alfonso XIII e a “Dictablanda” do Xeneral Belenguer, o 12 de decembro de 1930.
Nas esquinas inferiores aparecen representadas as forzas de esquerdas que integraron a Fronte Popular, representadas por cadansúa bandeira: Esquerda Republicana (ER), de Manuel Azaña;  Unión Republicana (UR), de Diego Martínez Barrio; PSOE,  UGT, Federación Nacional de Xuventudes Socialistas, PCE, Partido Sindicalista (PS), o Partido Obreiro de Unificación Marxista (POUM) e a CNT, que aínda que non firmaron o pacto, mantiveron unha postura de “non agresión”.
Na parte inferior do documento aparecen Sirval e o Sarxento Vázquez, os líderes da Revolución de Outubro do 34 en Asturias, así como o libre pensador Francisco Ferrer Guardia, condenado a morte tralos sucesos da Semana Tráxica de Barcelona, en xullo de 1909.

Ámbolos laterais do documento están enmarcados por figuras prominentes do pensamento de esquerdas, como Karl Marx, Lenin, Pi y Margall, Pablo Iglesias, Francesc  Macià e Nicolás Salmerón, acompañados dos principios básicos do programa da Fronte, como a amnistía para os represaliados na revolución do 34, as escolas laicas e as autonomías rexionais. 
Este documento foi recentemente restaurado. Fíxose unha intervención de carácter conservativo para garantir a súa estabilidade, utilizando en todo momento materiais neutros. Todas as operacións que se levaron a cabo encamiñáronse á conservación dos materiais orixinais e da información que conteñen. Só se incorporaron materiais novos onde os criterios de conservación así o aconsellaban.